O Museo de Pontevedra, ‘referente mundial’ tras devolver os cadros espoliados polos nazis a Polonia

PONTEVEDRA> Día histórico para o Museo de Pontevedra. Este mediodía entregou a unha delegación polaca os cadros espoliados polos nazis ao seu país. Unha devolución que ambas partes definiron como un exemplo para o mundo. Na actualidade, o goberno de Polonia ten máis de 200 expedientes de obras de arte espoliadas en proceso de recuperación.

Os dous cadros espoliados polos nazis que estaban no Museo de Pontevedra xa están en mans de Polonia. O edificio Castelao acolleu o acto de entrega á delegación polaca.

Durante a II Guerra Mundial, Polonia perdeu o 70% do seu patrimonio artístico. Máis de 500.000 obras que se atopaban en museos, igrexas e mesmo coleccións privadas foron espoliadas polos nazis. É o caso deste díptico, mostra da arte da Escola de Lovaina, que pertencía á Colección Czartoryski.

As pinturas sairon de Varsovia en 1944. Reapareceron nun comercio de arte en Madrid en 1973 pero non chegaron ao Museo de Pontevedra ata o 1994, cando a entidade mercou a colección de José Fernández López. Foi no 2020 cando Polonia contactou co Museo.

Dende o Museo confesan que se trata dunha perda importante para a entidade pero destacan a relevancia da decisión. Para a Deputación, hoxe converteuse nun referente mundial.

Agora será unha empresa especializada en arte a encargada de trasladar os cadros a Madrid. Unha vez en Polonica, serán depositados no Museo Nacional de Poznan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí