A Conselleira do Mar supervisa as melloras portuarias acometidas en Portosín

PORTO DO SON> A Xunta de Galicia segue a traballar no acondicionamento das infraestruturas portuarias para garantir unhas melloras condicións laborais ós seu usuarios. A Conselleira do Mar supervisou as obras realizadas en Portosín, onde anunciou a convocatoria dunha nova orde de axudas dotadas con 4’6 millóns de euros.

A Conselleira do Mar visitou o porto de Portosín para coñecer de primeira man as melloras acometidas con cargo á liña de subvencións convocadas o pasado ano para a modernización das infraestruturas portuarias. Permitiron a instalación de paneis solares fotovoltaicos para unha maior eficiencia enerxética así como a adquisición dunha grúa móbil para a descarga de peixe, cun investimento próximo ós douscentos mil euros. A próxima semana a Consellería publicará unha nova orde destas axudas,dotadas este ano con 4’6 millóns de euros para tódolos portos autonómicos.

O alcalde aproveitou a visita da Conselleira para agradecerlle o investimento realizado no acondicionamento da nave das redeiras que viron notablemente melloradas as súas condicións laborais.

Non son estas as únicas actuacións das que se beneficiará o sector en Portosín posto que a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a traballar no proxecto de mellora da estanquidade da lonxa para o que se renovará a cuberta e se acondicionarán as baixantes e canelóns ademais do selado das fachadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí