Orfos ucraínos recibirán 30.000 latas de conserva procedentes de Sanxenxo

SANXENXO> Sanxenxo enviará 30.000 latas de conserva a Ucraína, a través da Fundación Amigos de Galicia. A partida procede da racadación da final do Trofeo Manuel Martín, celebrada en Portonovo este pasado verán. As conservas vanse destinar a tres orfanatos ucraínos, que por mor da guerra están a atravesar un momento moi complicado.

A XL edición do Trofeo Manuel Martín, disputada en Portonovo no pasado mes de agosto entre o Pontevedra e o Celta B tradúcese agora en axuda humanitaria para Ucraína. Todo o recadado naquel partido -que gañaran os granates- será enviado a aquel país en forma de latas de conserva, a través da Fundación Amigos de Galicia. Destinaranse a tres orfanatos ucraínos que, a consecuencia da guerra, están a atravesar un momento moi complicado.

O material vaise repartir entre tres centros ucraínos. Cada un deles recibirá un envío de 10.000 latas de conserva.

O Concello, que tamén colaborou economicamente nesta recadación solidaria, celebra a iniciativa. O alcalde aproveita para poñer como exemplo o Trofeo Manuel Martín, cun fin solidario en cada unha das súas edicións. Telmo Martín subliña a cantidade de material que se vai poder enviar a Ucraína grazas á iniciativa.

A maioría das latas son de bonito, mexillón ou sardiña. Elixiuse este tipo de alimento, polo seu longo período de conservación, co obxectivo de que se lle poida sacar todo o proveito posible.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí