PONTEVEDRA> A Deputación de Cádiz quere coñecer o traballo de recuperación do espazo público realizado en Pontevedra. Unha delegación chegou hoxe ao Pazo Provincial, comezando unha visita que se prolongará ata este venres. Da man do deputado de Mobilidade Uxío Benítez e do persoal do departamento, coñecerán o modelo da Rede Ágora e participarán nunha xornada de traballo teórica que se completará con visitas a diferentes actuacións realizadas na provincia.
Dende hoxe e ata o venres, unha delegación da Deputación de Cádiz está en Pontevedra para coñecer o traballo de recuperación do espazo público realizado pola administración provincial pontevedresa, no marco da Rede Ágora.
Saber que se fixo, como se fixo e valorar se a súa aplicación práctica sería posible en Cádiz, é o obxectivo desta visita. A delegación gaditana, encabezada polo vicepresidente segundo Francisco Javier Vidal, participará nunha xornada de traballo teórica cos técnicos provinciais pontevedreses. Despois, visitará a pé de campo algunhas das actuacións realizadas.
Na recepción desta mañá participou tamén o vicepresidente pontevedrés. César Mosquera confesou ser un namorado de Cádiz. Destacou as semellanzas que a provincia gaditana ten con Pontevedra, así como a transformación que tamén se impulsou nese territorio.
A Deputación de Pontevedra e a de Cádiz son as únicas deputacións provinciais que forman parte da Rede Cidades que Camiñan.