PONTEVEDRA> Tres horas de reunión que remataron sen novas medidas para solucionar os problemas da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Os alcaldes do distrito pontevedrés mantiveron onte un encontro co Conselleiro de Sanidade no que o foco estivo sobre a Atención Primaria. Os rexedores socialistas e nacionalistas saíron decepcionados. Dende a consellería, continúan apuntando á falta de médicos como orixe dos problemas.
A Consellería de Sanidade non dubida no seu diagnóstico: a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés funciona mellor que no mes de agosto. Iso si, segue habendo problemas para os que non teñen solucións. Apuntan á falta de médicos e responsabilizan ao Goberno Central, tal e como trasladaron onte aos rexedores do distrito sanitario pontevedrés..
Estiveron reunidos durante tres horas. Á saída, os rexedores lamentaron que rematara sen avances ou solucións.
Os alcaldes trasladaron a García Comesaña a preocupación dos seus veciños pola situación nos centros de saúde. Sen médicos e con listaxes de agarda cada vez máis longas.
Este foi o sentir dos alcaldes socialistas, pero o nacionalista Luciano Sobral, de Poio, pronunciouse na mesma liña. Cre que dende a Consellería non se recoñecen os problemas.
Pola súa banda, o alcalde de Sanxenxo, o popular Telmo Martín, plantexou a Sanidade buscar mecanismos para que os concellos poidan colaborar na procura dunha solución.
Segundo a Consellería de Sanidade, actualmente na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés faltan 16 médicos nos Puntos de Atención Continuada e 8 en atención ordinaria.