PONTEVEDRA> Pontevedra recupera o proxecto Pontevedra Rodando, unha iniciativa dirixida a introducir á cidadanía no audiovisual. Os participantes terán cinco sesións teórico-prácticas para achegarse ao mundo do cinema e da creación audiovisual. Será a quinta edición da iniciativa, que prestará especial atención aos Premios Feroz que se entregarán en Pontevedra en xaneiro do 2026.
Despois de cinco anos da súa última edición, volve o programa Pontevedra Rodando. Unha iniciativa que busca achegar á cidadanía ao mundo da creación audiovisual.
Os participantes aprenderán conceptos básicos de gravación, son, montaxe e actuación ante a cámara. Tamén o uso de ferramentas de intelixencia artificial. Esta edición do programa prestará especial atención aos Premios Feroz, que se entregan en Pontevedra en xaneiro.
O obradoiro desenvolverase do 27 de novembro ao 23 de decembro. Son cinco sesións teórico prácticas que se celebrarán na Casa da Luz e no Mercado de Abastos. A actividade culminará coa rodaxe de varios proxectos finais, que se presentarán nun acto público.
Pontevedra Rodando está dirixido a todas as persoas a partires dos 13 anos. Conta con 25 prazas dispoñibles, que se cubrirán por orde de inscrición. Os interesados poden anotarse de xeito gratuíto no correo volvemosaprimeraproducciones@gmail.com.











