PONTEVEDRA> Pontevedra traballa arreo para ter todo listo para a gala de entrega dos Premios Feroz. A cita celebrarase no Recinto Feiral o vindeiro 24 de xaneiro e asistirán máis dun milleiro de persoas. Aínda que as escenografía manterase en segredo ata o propio día, si sabemos que haberá cambios respecto da gala do ano pasado. Tamén que se aposta por unha cerimonia inmersiva e que contará coa actuación do coro da Xunqueira.
Vinte empresas galegas están detrás da organización da gala dos Premios Feroz que se celebrará o vindeiro 24 de xaneiro en Pontevedra. O Recinto Feiral xa bule de actividade para que todo estea a punto para o gran día.
Un escenario de 250 metros cadrados será o epicentro da gala. Tamén se están a instalar 400 metros cadrados de pantallas, 500 metros de estruturas para a iluminación e o son, 290 equipos de iluminación e 400 metros de tiras de led. Datos todos que axudan a que nos fagamos unha idea da importancia da montaxe.
Está previsto que á gala asista máis dun milleiro de persoas. A escenografía manterase en segredo ata o gran día pero si sabemos que a organización quere facela máis inmersiva para o público. Ademais, na cerimonia actuará o coro do instituto A Xunqueira I.
Outras entidades da contorna que colaboran cos Feroz son a Universidade de Vigo, con 85 estudantes colaborando, o Carlos Oroza, con alumnos traballando no evento, ou a Asociación de Perruquerías da provincia de Pontevedra, que se encargará dos looks dos nomeados.











