A POBRA> O concello da Pobra convoca un concurso de escaparatismo para dinamizar a actividade económica e implicar ó comercio e a hostalería na decoración da vila este Nadal. Dende o departamento de Promoción Económica repartiron tamén árbores e guirnaldas entre os establecementos para contribuír á ornamentación navideña dos locais.
A Pobra segue inmersa nos preparativos de Nadal con novas iniciativas enmarcadas na campaña ‘Consegue Caramiñas, Comparte Nadal’. Unha delas é o concurso de escaparatismo no que pretenden implicar a todo o tecido comercial e hostaleiro do municipio. Os interesados en participar poden inscribirse dende hoxe mesmo e ata o día 8 de decembro a través do departamento de promoción económica.
Ademais desta iniciativa que se desenvolverá principalmente no centro da vila, o concello desenvolverá un programa de Nadal nas parroquias con festas infantís que darán comezo este mesmo domingo.
A primeira terá lugar este domingo no Alto de Cabío. Continuarán na Escola do Campo, O Campiño, A Ribeiriña, A Granxa, San Isidro e o Camiño Ancho onde finalizarán o 21 de decembro.











