MEIS> A xunta de Galicia investirá máis de 700 mil euros en mellorar a accesibilidade de 37 marquesiñas de diferentes concellos do Salnés. O proxecto inclúe tanto a renovación das paradas como dos espazos nos que se atopan, facéndoos máis accesibles, amplos e cómodos para os transeúntes.
A xunta de Galicia está mellorando a seguridade viaria nas diferentes estradas da súa propiedade. Estas accións estanse levando a cabo principalmente nos accesos ás paradas de autobuses. Na comarca do Salnés, a mellora realizarase nun total de 37 marquesiñas dos concellos de Meis, Sanxenxo, Meaño, O Grove e Cambados.
A xunta investirá neste proxecto do Salnés máis de 700 mil euros. A intervención ten como obxectivo tamén incentivar o uso do transporte público.
No caso de Meis melloraranse un total de 14 paradas de buses, especialmente na recta da Goulla. Dende o concello agradecen a intervención xa que se realiza nunha das estradas máis transitadas da vila.
A xunta expandirá o proxecto a outros concellos do Salnés. O seguinte incluirá os municipios de Vilanova e Vilagarcía.