A reforma de Fontecarmoa, de novo a licitación ante a falta de empresas interesadas

VILAGARCIA> Vilagarcía volverá sacar a licitación a reforma integral do pavillón de Fontecarmoa. O goberno local subirá o orzamento, para tentar que algunha empresa se interese polo proxecto. Nestes momentos os técnicos municipais están a recalcula-lo custo destas obras, que estaban valoradas en 1,7 millóns de euros. Ravella apunta que detrás desta situación está o encarecemento dos materiais.

Trátase dunha obra que o Concello de Vilagarcía considera imprescindible pero pola que non se interesou ningunha empresa. A reforma integral do pavillón de Fontecarmoa saíu a licitación por 1,7 millóns de euros, pero ninguén a quere facer. Agora, Ravella vai recalcula-lo seu orzamento para que o proxecto esperte o interesa dalgunha compañía.

Esta situación débese, segundo o goberno local, á suba dos prezos dos materiais, que fai que as empresas non queiran asumi-lo proxecto. Cun incremento do orzamento, para o goberno local, o problema quedaría resolto. Nestes momentos os técnicos municipais traballan para recalcula-lo custo da obra.

A reforma do pavillón é urxente, di o Concelleiro. A actuación integral permitiría, por exemplo, rematar co problema de condensacións que sofre a infraestrutura. Ademais, contémplanse reformas nos vestiarios ou na cuberta.

O proxecto está cofinanciado pola Xunta e o Concello, que aporta a maioría dos fondos. Unha vez actualizado o orzamento, Ravella terá que determina-lo xeito no que se vai facer fronte ao sobrecusto do proxecto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí