VILAGARCÍA> Vilagarcía conmemora o Día do Autismo. O colectivo BATA foi o encargado de ler no concello un manifesto a prol dos dereitos e a inclusión das persoas que padecen este trastorno. Piden que as administracións teñan en conta ás persoas con autismo para crear políticas públicas que ofrezan respostas reais ás súas necesidades. Este xoves, o convento de Vista Alegre da cidade tinguirase de azul para visibilizar o autismo entre a cidadanía.
Vilagarcía adiantou a este mércores a conmemoración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo que se celebra este xoves. Ravella acolleu un acto con membros de BATA no que se deu lectura a un manifesto. Raquel foi a encargada de poñerlle voz ao texto a prol dos dereitos e a inclusión das persoas que padecen este trastorno.
Poñen o foco nas barreiras que se atopan na sociedade, como a discriminación. Reclámanlle ás administración públicas que atendan as súas necesidades ou que se garanta a súa inclusión na educación ou no ámbito laboral.
E piden que se traballe para que as persoas con autismo poidan vivir a súa vida como elas elixan garantindo as mesmas oportunidades en toda Europa. Ao mesmo tempo piden que se traballe contra a desinformación e falsos mitos estendidos na sociedade arredor do autismo.
Ao acto asistiron representantes da corporación vilagarciá, encabezados polo alcalde da cidade.
Este xoves, o convento de Vista Alegre de Vilagarcía tinguirase de azul para visibilizar o autismo entre a cidadanía.











