PONTEVEDRA> Pontevedra Alternativa continúa sumando nomes á candidatura coa que concorrerá ás eleccións municipais do mes de maio. Ana Cedeira, presidenta do comité de oficinas centrais de ENCE, será a número dous na listaxe encabezada polo hostaleiro Carlos Fontán. Para Cedeira, trátase dun proxecto novo e atractivo que dará a Pontevedra o cambio que, asegura, precisa.
A presidenta do comité de oficinas de ENCE, número dous da candidatura de Pontevedra Alternativa. Ana Cedeira aseguraba esta mañá que se namorou do proxecto encabezado por Carlos Fontán.
O emprego de calidade será, asegurou, unha das súas prioridades. Para iso considera necesario que se facilite a instalación de novas empresas na cidade e que as que xa están teñan opcións de medrar. Cedeira, representante de Comisións Obreiras na pasteira, destaca a experiencia que conseguiu grazas ao seu traballo sindical. Que agora porá ao servizo do partido.
Pontevedra Alternativa explicou que levan meses traballando para sumar a Ana Cedeira á súa candidatura. Denuncian que a súa incorporación xa provocou presións políticas que querían evitar que se unira ás súas listaxes.
Cedeira asegurou que se trata dunha decisión persoal. A súa intención é compaxinar a súa nova faceta política coas tarefas que desempeña como representante sindical en ENCE.