Aberto o prazo para presentar candidaturas ós Premios do Deporte da Deputación da Coruña

BARBANZA> A Deputación da Coruña abriu o prazo para a presentación de candidaturas ós premios do Deporte. Establécense doce candidaturas diferentes co obxectivo de distinguir publicamente a deportistas ou entidades que destaquen pola súa traxectoria ou contribución á práctica deportiva.

Ata o día 31 de xaneiro poderán presentarse as candidaturas ós Premios do Deporte da Deputación da Coruña. Farase de xeito telemático a cargo de persoas físicas ou xurídicas que teñan relación coa práctica deportiva.

Establécense este ano doce categorías diferentes: mellor deportista, mellor deportista veterano, mellor deportista promesa e mellor deportistas con diversidade funcional, todos en categoría masculina e feminina, así como mellor adestrador, mellor árbitro ou xuíz, mellor entidade colaboradora e premio a toda unha vida dedicada ó deporte. Poderán presenrtarse cantas candidaturas se desexen. sempre que non sexa máis de unha por categoría.

As persoas que formen parte do xurado, presidodo pola deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán e integrado por cinco xornalistas do ámbito deportivo, poderán facer propostas de candidatura ó resto de membros do xurado.

Valoraranse os logros e éxitos deportivos dos aspirantes nas diferentes categorías, así como a promoción dos valores deportivos ou  a promoción e apoio a deporte na provincia. Ademais, o xurado resérvase o dereito de realizar ata catro mencións, sempre que o considere oportuno, para aquelas persoas ou entidades que desenvolvesen unha actuación no ámbito do deporte digna de ser destacada a nivel provincial.

Os premios consisten nun galardón conmemorativo e un diploma acreditativo, ademais do recoñecemento social que a Deputación promoverá a través dos medios de comunicación e das súas redes sociais. O ente provincial traballa xa na organización dunha Gala do Deporte na que se convidará as persoas e entidades participantes e na que se fará pública a concesión dos premios, facendo entrega de todas as distincións ás persoas e entidades galardoadas

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí