A rehabilitación dos edificios históricos do Museo de Pontevedra comezará a finais de 2023

PONTEVEDRA> Avanza o proxecto de recuperación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra. Esta mañá, o vicepresidente da Deputación anunciou que a actuación, que contempla a reforma e conexión dos inmobles históricos da Praza da Leña, aprobarase o vindeiro día 19 en pleno extraordinario. O obxectivo do goberno provincial é que tanto esta intervención como a rehabilitación de Santa Clara estean rematadas no 2027, a tempo para celebrar o centenario do Museo pontevedrés.

A Deputación de Pontevedra aprobará no pleno do vindeiro día 19 de maio o proxecto para a recuperación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra. Segundo os cálculos do vicepresidente provincial, a obra poderá acadar os 8 millóns de euros. A intervención conta xa cunha subvención de tres millóns do PIREP para a rehabilitación dos edificios históricos da praza da Leña.

Un día antes será o pleno do concello de Pontevedra o que aprobe a modificación puntual do Peprica para permitir a actuación. Despois, a Deputación pedirá a licenza e abrirase a licitación para a contratación das obras que poderían iniciarse a finais de ano.

Como novidade, estase a valorar unha suxestión de Patrimonio. O departamento da Xunta propuxo recuperar o aspecto orixinal dos edificios, que tiñan as fachadas caladas.

Tamén hai avances na rehabilitación do convento de Santa Clara. Están avanzadas as negociacións co Arcebispado para mellorar o acceso ao recinto polo lateral do edificio das Obras Pontificias. Un cambio do que xa se informou aos estudos de arquitectura que están a elaborar os anteproxectos que terán que presentar o 24 deste mes. O 29 constituirase o xurado e os días 5, 6 e 7 de xuño fará a selección definitiva. O equipo que se encargará do proxecto final coñecerase a mediados de xuño e terán seis meses para desenvolvelo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí