Pablo Varela ponse á fronte da Fiscalía de Pontevedra coa violencia machista e o narcotráfico como prioridades

PONTEVEDRA> Renovación á fronte da Fiscalía en Pontevedra. Pablo Varela Castejón tomou hoxe posesión como novo fiscal xefe provincial, relevando a Juan Carlos Aladro. No seu discurso Varela defendeu o uso da lingua galega na xustiza e marcouse como meta avanzar no proceso de especialización.

Pablo Varela Castejón é xa o novo Fiscal Xefe da provincia de Pontevedra. Este mediodía a Audiencia Provincial acolleu o seu acto de toma de posesión. Unha nova etapa para a que xa se marca varios retos.

Neste camino terá como base o traballo realizado polo seu predecesor no cargo, Juan Carlos Aladro. Pablo Varela apuntou tamén dous aspectos que lle preocupan especialmente: a loita contra o crime organizado e o narcrotráfico, que foran a súa especialidade, e a violencia machista.

Son estes dous eidos os que quedan vacantes tras estes nomeamentos da Fiscalía. O de Varela coincide no tempo co de Rosalina Carrera como nova tenente fiscal da Fiscalía de Pontevedra. Abríndose agora un proceso para atopar os seus substitutos.

No seu acto de toma de posesión Varela estivo apadriñado polo seu predecesor no cargo, Juan Carlos Aladro, e polo seu pai, o ex maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela.