NOIA> Os TEDAX, a unidade especial de explosivos da Garda Civil, en colaboración con axentes do posto principal de Noia, procederon á desactivación dunha granada de morteiro e nove foguetes antigranizo atopados no interior dunha vivenda.
Unha chamada dun veciño alertando do achado dos artefactos explosivos mentres realizaba a limpeza dun rocho foi o que propiciou o operativo.
Segundo informaron fontes do Instituto Armado a granada de morteiro, é do tipo Valero, de 50 mm de calibre, correspondente á Guerra Civil.
Tódolos artefactos, que se atopaban nun mal estado de conservación, foron desactivados de forma controlada polos axentes nunha canteira da localidade.