PONTEVEDRA> 4,6 millóns de euros e 12 meses de traballos serán necesarios para levar adiante a renaturalización do río dos Gafos ao seu paso por Campolongo. Hoxe o equipo redactor presentou o ambicioso proxecto, que supón liberar a canle do río dunha cuberta de máis de sete mil metros cúbicos de formigón. As obras tamén se dirixirán a facer o trazado do Gafos máis natural e a restaurar un ecosistema que non existe na actualidade.
Xa está listo o proxecto de renaturalización do río dos Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo. A obra confírmase como unha intervención ambiciosa: superará os 4,6 millóns de euros e precisará de 12 meses de traballos.
A intervención é profunda. Non se dividirá en fases pero se fará de xeito secuencial, comezando pola zona de Xeneral Rubín. Ademais, permitirá liberar a canle do río dunha cuberta de máis de sete mil metros cúbicos de formigón, que despois se reutilizará noutros puntos da obra.
O proxecto modificará tamén o cauce do río, eliminando ángulos pouco naturais e facendo curvas máis suaves. As pendentes máis abruptas cara a canle estarán protexidas por valados. Pola contra, na zona do hórreo facilitarase o acceso á auga, creando unha especie de pradería con sendeiros fluviais.
Repartiranse tres pasarelas para facilitar o paso entre as dúas beiras. Unha delas, a que se situará na contorna dos colexios, terá unha anchura de 12 metros, actuando como unha praza con mobiliario urbano. Tamén plantaranse 98 novas árbores, acadando os 700 metros cadrados de cobertura natural.
O proxecto presentarase mañá á veciñanza. Despois enviarase a Augas de Galicia. Unha vez teña o visto bo do ente autonómico, comezarase o proceso de contratación. A idea é pechar canto antes a licitación.











