A confraría de Aguiño denuncia a acción dos furtivos en pedras reservadas para o percebe

RIBEIRA> Completamente esquilmadas. Así quedaron unhas rochas próximas á praia do Vilar trala acción dun grupo de furtivos para a extracción ilegal de mexilla. A confraría de Aguiño reservaba esta zona de traballo para a campaña de verán dada a gran cantidade de percebe que cría nestas pedras.

Os feitos aconteceron a pasada semana cando os vixilantes da confraría observaron ó redor dunhas vinte persoas extraendo mexilla nunhas pedras próximas á praia do Vilar, vedadas á actividade extractiva pola súa rica produción de percebe. Os avisos dos vixilantes para disuadilos non deron resultado. Todo o contrario; dende a confraría denuncian que mesmo foron ameazados e perseguidos polos presuntos furtivos, o que lles levou a alertar ós gardapescas da Consellería do Mar que lograron identificar a algúns dos autores.

O patrón maior destaca a gravidade dos feitos posto que se perdeu por completo a produción de percebe desta zona, que non tiñan previsto abrir ata a campaña de verán dado a gran calidade e cantidade de recurso  que alí cría.

Dende a confraría temen que se repitan episodios similares posto que campaña de extracción de mexilla aínda acaba de comezar polo que piden á Consellería maior contundencia á hora de adoptar medidas que conteñan a acción dos furtivos sobre un recurso do que viven máis dun cento de familias tan só en Aguiño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí