Colectivos empresariais e sociais posiciónanse a favor da continuidade de ENCE en Lourizán

PONTEVEDRA> Representantes empresariais e sociais de toda Galicia amosan o seu apoio á permanencia de ENCE en Lourizán. A catro días da reunión na que o Tribunal Supremo decidirá sobre os recursos presentados contra a anulación da prórroga da pasteira, os comités de empresa buscaron o seu apoio público. Nun acto celebrado ante persoal da factoría, defenderon que Galicia non pode perder unha empresa como ENCE.

A vindeira semana pode ser clave para o futuro de ENCE en Lourizán. O día 7 está previsto que o Tribunal Supremo se reúna para decidir sobre os recursos de casación presentados contra a sentenza da Audiencia Nacional que anulou a concesión á pasteira.

Coa mirada fixa nesta cita, hoxe os comités de oficinas e de fábrica buscaron o apoio público de representantes empresariais e sociais de toda Galicia.

Dende o punto de vista empresarial e económico, os asistentes destacaron o papel que xoga ENCE no conxunto da economía galega. Unha empresa que cualificaron como tractora do sector forestal e un exemplo de boas prácticas.

Outros dos asistentes centraron as súas intervencións en visibilizar o papel social e como xeradora de emprego da pasteira na comarca de Pontevedra.
Ao acto asistiron tamén numerosos traballadores da factoría e das empresas auxiliares, que agradeceron o apoio dos relatores a súa demanda: que ENCE poida permanecer en Lourizán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí