Lores cre que a sentenza de ENCE é un ‘fracaso do Estado de dereito’ e Domínguez reclámalle que free o ‘acoso ás familias’

PONTEVEDRA> Máis aló dos traballadores e da propia empresa, a decisión do Tribunal Supremo non deixa a ninguén indiferente na cidade de Pontevedra. No eido político, o BNG di que esta sencia vai ser lembrada por inxusta e inexplicable. Un argumento que comparte o alcalde de Pontevedra. O PSOE mentres di que hai que tentar facer compatible o fallo do Tribunal Supremo coa rexeneración da ría. A Plataforma en Defensa da Ría ou colectivos como Greenpeace tamén lamentan a decisión. Consideran que ENCE ten vía libre para seguir estragando a Ría de Pontevedra.

A sentenza do Tribunal Supremo sobre ENCE sentou como un xerro de auga fría no concello de Pontevedra. Para o alcalde nacionalista, o fallo supón un fracaso do Estado de Dereito.

Segundo Fernández Lores, esta sentenza non supón un cambio no seu posicionamento. Advertiu que continuará coa loita contra a pasteira.

Para os seus socios de goberno, o que procede agora é acatar o fallo. O voceiro do PSOE, Iván Puentes, cre que o seguinte paso é reclamar á empresa que invista na factoría e no municipio e sinala a importancia de avanzar na rexeneración da ría.

Pola súa banda, dende o Partido Popular celebran sen reservas a sentenza do Tribunal Supremo. Para Rafa Domínguez, xa non hai dúbida de que a empresa e a concesión son legais e reclama a Fernández Lores que free a sua batalla contra ENCE.

Xa fóra do eido político, dende a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra cualifican de irregular o fallo do Tribunal Supremo. O seu presidente recordaba que, das oito fábricas de celulosa que hai no Estado, só a de ENCE en Lourizán está en dominio público marítimo-terrestre.

Nesta misma liña se pronuncia Greenpeace. Para a ONG a presenza da factoría en Lourizán non está xustificada e aseguran que a decisión permitirá que ENCE continúe danando a ría de Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí