As corais Rosalía de Castro e Voces Amigas únense nun festival solidario a favor de Cáritas Arousa

VILAGARCÍA> As corais vilagarciás Rosalía de Castro e Voces Amigas únense por unha boa causa. Os dous conxuntos musicais van protagonizar este venres un festival solidario a favor de Cáritas Arousa. As formacións animan á veciñanza a asistir e, na medida das súas posibilidades, facer doazóns. Lembran que Cáritas fai unha intensa labor na contorna de Arousa, atendendo a 27 parroquias de cinco concellos.

Non é a primeira vez que estas corais impulsan eventos solidarios, pero si a primeira ocasión na que as dúas se unen nunha mesma iniciativa a prol dunha boa causa. Son as formacións vilagarciás Rosalía de Castro e Voces Amigas, que van unir o seu talento este venres nun festival solidario a favor de Cáritas Arousa.

As persoas que se acheguen este venres ás 21:00 horas ao Salón García poderán facer doazóns, na medida das súas posibilidades. Dende as corais aproveitan para poñer en valor o traballo de Cáritas Arousa.

E destacan iniciativas como o seu comedor social ou o servizo de xantares sobre rodas. Un gran esforzo, apuntan dende Cáritas, para o que son precisos cantos máis recursos mellor.

O concello de Vilagarcía tamén colabora con este festival solidario.

Dende Cáritas explican que está a vivir un proceso de cambio na sociedade, mudando tamén os perfís das persoas que teñen que botar man deste colectivo. Entre as novas necesidades ás que lle teñen que facer fronte: a soidade, o problema da vivenda na zona por culpa do turismo ou difultades para a inserción laboral.