Conclúe sen alegacións a exposición pública da modificación do PXOM de Outes para habilitar chan industrial

OUTES> Finalizado o proceso de información pública da modificación do PXOM de Outes para crear solo de uso industrial no lugar de Xurisdicción, a proposta non recibiu ningunha alegación. O proxecto está agora á espera de recibir varios informes sectoriais para sometelo á súa aprobación definitiva.

A proposta para a dotación de chan industrial no municipio de Outes avanza sen atopar trabas. Trala aprobación inicial do proxecto que inclúe unha área de solo urbanizable de uso industrial, abriuse o período de información pública que se prologou durante dous meses nos que non recibiu ningunha alegación.

Segundo informou o alcalde, Manolo González, trátase dunha boa nova posto que posto que os terreos propostos, entre o lugar de Xurisdicción e Brión de Abaixo, contan co beneplácito da veciñanza. Finalizada a fase de exposición pública, o proxecto está pendente de varios informes sectoriais que deben emitir organismos dependentes da Xunta e do goberno central.

Unha vez recibidos e introducidas as modificacións, no caso de ser necesarias, o goberno levará o expediente a pleno para a súa aprobación provisional, trámite previo á aprobación definitiva por parte da Xunta. O goberno de Outes leva anos traballando para poñer fin á carencia de chan industrial no municipio despois de que o incluído no planeamento polo anterior goberno fora anulado por sentenza xudicial en 2014.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí