Avanzan as obras de construción da nova área de lecer do parque Rosalía de Castro

PONTEVEDRA> Avanzan as obras de construción da nova área de lecer no parque Rosalía de Castro, preto do aparcadoiro do Recinto Feiral de Pontevedra. A creación da zona de xogos tradicionais entra na súa fase final. Nos vindeiros días, explican dende a concellería de Desenvolvemento Sostible, comezarán as obras dos xogos de auga.

A nova área de lecer do parque de Rosalía de Castro, na contorna do Paseo de Rafael Areses, está máis próxima de converterse nunha realidade. As obras da zona de xogos tradicionais entran xa na súa fase final, nun espazo que xa preside o gran castelo.

O seguinte paso será abordar a construción da nova zona de xogos de auga, a primeira coa que contará Pontevedra. Ocupará unha superficie de 225 metros cadrados na que se instalarán chorros, difusores e elementos pensados para as familias e nenos de todas as idades.

A intervención conta cun orzamento de case 310 mil euros e enmárcase na estratexia de renaturalización de ríos e espazos naturais e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí