O concello de Pontevedra pedirá permiso a ADIF para actuar e rematar coas inundacións na Rúa do Santo

PONTEVEDRA> Ampliar unha tubaxe podería ser a solución para evitar os asolagamentos na rúa do Santo, na parroquia pontevedresa de Lourizán. Este é un dos puntos que máis está a sufrir no concello coas intensas precipitacións das últimas semanas. Iso si, segundo explican dende o concello para poder levar adiante a obra é preciso contar coa autorización de ADIF.

Mudar a actual tubaxe de 800 milímetros de diámetro por outra de 1.200 podería ser, segundo explican dende o concello de Pontevedra, a solución ás inundacións que padecen os veciños da rúa do Santo, en Lourizán.

O concello levaría adiante esta obra, que suporía un custo aproximado duns 200.000 euros. Actuación polo tanto asumible pero que se atopa cunha pedra no camiño: é necesario o permiso de Adif, que nesta zona ten proxectada unha intervención para suprimir os pasos a nivel dos Praceres, que se substituirían con dous túneles debaixo da vía do tren. O proxecto adxudicouse hai tres anos pero non parece que vaia executarse precisamente polo risco de inundacións.

Ante esta situación, o concello contactará con Adif para solicitar este permiso e levar adiante a actuación. Mentres, asegura que os traballos se centran no mantemento desta canalización.

Mosquera asegurou tamén que a situación empeorou nos últimos anos, principalmente trala construción da variante de Marín, que comezou a funcionar no ano 2012.