Ribeira reivindica ás súas deportistas na conmemoración do Día da Muller

RIBEIRA> Ribeira adiantou as celebracións do 8M a este venres cunha homenaxe ás mulleres que son referente no deporte. O acto contou coa presenza de Ana Peleteiro que foi distinguida, xunto con outras moitas ribeirenses, polo seu destacado papel en distintos eidos da práctica deportiva.

O deporte foi o eixo condutor de boa parte dos actos celebrados polo concello de Ribeira ó longo desta semana para conmemorar o Día da Muller. O principal tiña lugar esta mañá no auditorio municipal que acolleu unha homenaxe ás ribeirenses que destacan en diversos eidos deportivos.

Precisamente un deses referentes femininos nos que as novas xeracións poden verse reflexadas é Ana Peleteiro que participou tamén no acto apelando á necesidade de seguir a visibilizar o papel das mulleres no deporte, dende a infancia.

Trala entrega das distincións, a soprano Esperanza Mara puxo o broche de ouro a este emotivo e á vez reivindicativo acto.