Remolcan ao porto do Xufre o narcosubmarino de fabricación artesanal atopado fronte a Vilaxoán

VILAXOÁN> Xa está na Illa de Arousa o narcosubmarino de fabricación artesanal atopado fronte ao porto de Vilaxoán. As forzas de seguridade traballaron durante máis de tres horas para poder reflotalo, debido a que o seu tamaño era maior do agardado. Finalmente no seu interior non se atopou nada.

Despois de dous días de máxima expectación, finalmente o narcosubmarino de fabricación artesanal atopado fronte ao porto de Vilaxoán foi remolcado á Illa de Arousa. Os traballos para reflotaron comezaron ao redor das 8 da mañá e remataron pasado o medio día coa chegada da embarcación ao porto do Xufre.

Tras reflotalo, os axentes da Vixilancia aduaneira e da Garda Civil, encargados deste operativo, accederon ao seu interior atopándoo completamente baleiro.

Unha vez reflotado as investigacións continuarán para intentar atopar a orixe desta embarcación.

Segundo indica o delegado do goberno, non se descarta que o narcosubmarino teña relación con outras investigacións e operativos realizados con anterioridade.

O narcosubmarino de fabricación artesanal ten un tamaño de máis de 15 metros de eslora, moi similar ao atopado en Aldán no 2019. As primeiras investigacións sinalan que puido ser fabricado en sudamérica con pezas similares ás das planeadoras abandonadas en Ribeira hai algunhas semanas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí