RIBEIRA> Centos de mariscadores procedentes de toda Galicia participaron na mobilización celebrada hoxe en Ribeira en contra da apertura de novas zonas para a extracción de mexilla. Piden que se respecten as pedras vedadas para non comprometer as futuras campañas do percebe.
Tralas protestas protagonizadas por bateeiros nas últimas semanas nas inmediacións das dependencias da Xunta en San Caetano, hoxe foron os percebeiros os que alzaron a súa voz nunha multitudinaria manifestación ás portas da delegación de pesca de Ribeira. Ó berro de ‘goberne quen goberne, as pedras non se venden’ amosaron o seu rexeitamento á apertura de novas zonas de costa para a extracción de mexilla. Trátase de pedras ata o de agora vedadas co obxectivo de non comprometer as futuras campañas de percebe.
Os mariscadores que secundaron a protesta, procedentes de diversas confrarías de toda Galicia, instan á xunta a respectar o plan de recursos específicos no que figuran as zonas reservadas e non ceder ante a presión, din, duns poucos mexilleiros que non representan a todo o sector.
Agardan que esta manifestación sexa o primeiro paso para defender o seu princpal recursos, aínda que non se amosan moi esperanzados en que a Xunta dea marcha atrás na súa decisión de autorizar máis zonas do litoral para a recolección de cría de mexillón.
O conflito entre bateeiros e percebeiros pola extracción de mexilla non é novo. Sen embargo, este ano a situación agravouse ante a escaseza de recurso e a extracción de semente cada vez máis pequena que dificulta que volva fixar nas pedras.
Dende a Federación Galega de Confrarías agardan en retomar o diálogo e chegar a acordo coa maior parte do sector mexilloeiro polo ben común que permitirá unha mellor preservación de tódolos recursos, tanto da mexilla como do percebe.
A pesar da vontade de diálogo, os mariscadores non dubidarán en seguir a mobilizarse no caso de que se autorice a extracción de mexilla nas escasas zonas do litoral reservadas aínda o percebe.