O filme Matria triunfa na súa estrea en Vilanova

VILANOVA> Vilanova recibe por todo o alto a presentación do filme Matria. O auditorio vilanovés quedou pequeno para a reprodución desta película gravada na comarca do Salnés. O filme xa se estreara nos festivais internacionais de Berlín e Málaga cunha crítica moi favorable.

A película Matria regresou este xoves ao lugar onde comezou a súa historia, a Vilanova. A expectación era máxima na vila do Salnés e o auditorio quedou pequeno para acoller a presentación en Galicia do filme. A película creada por Álvaro Gago e interpretada por María Vázquez relata a historia de Ramona, personaxe inspirado na vida de Francisca, unha veciña de vila.

Ao longo da película pode verse a loita de Ramona por saír adiante e axudar á súa filla nun contexto de precariedade laboral e menosprezo ás mulleres. A súa loita é un reflexo da situación de moitas mulleres.  

A película conta con actores profesionais pero tamén con veciños do Salnés. A excelente combinación de ambos é clave para situar ao filme na realidade de Vilanova. As personaxes que acompañan a Ramona na súa vida permiten mostrar á protagonista nas súas diferentes emocións. A loita diaria de Ramona toma un descanso para gozar da compañía da súa amiga Manuela.

O film foi gravado case na súa totalidade no Salnés. A película mostra as paisaxes da comarca, pero tamén o seu idioma e á súa xente. Unha inspiración para a xente moza.

A película estreouse con éxito tanto en Berlín como en Málaga, obtendo un gran recoñecemento do público. Aínda así, o director non escondía os nervios de presentar o filme na súa terra.

A pesar do nervios de Álvaro a película recibiu todo o cariño do público. O auditorio enteiro púxese en pé para aplaudir durante bastante tempo a toda a equipa da película. O filme continuará o seu paso polos diferentes festivais e chegará aos cines o vindeiro 24 de marzo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí