Airiños conmemora 90 anos de historia cun volume especial e numerosos actos culturais

RIANXO> O grupo de Teatro Airiños de Asados celebra este ano o seu 90 aniversarios. Ademais da edición dun volume especial sobre a historia da agrupación teatral amateur máis lonxeva de Galicia desenvolverán numerosas actividades conmemorativas ó longo de todo o ano.

Alá polo ano 1933 nacía na parroquia rianxeira de Asados O Grupo de Teatro Airiños que co tempo se convertería nun referente das artes escénicas galegas. En case un século de vida son moitas as vicisitudes polas que pasou esta agrupación, nacida ó abeiro da República, censurada despois pola ditadura franquista e que recuperou todo o seu esplendor a partir da década dos 80.

Para conmemorar o 90 aniversario de Airiños,  a Deputación da Coruña editou un volume especial sobre a súa historia.

Ademais da publicación, a entidade desenvolverá numerosos actos durante todo o ano para celebrar a efeméride. Arrancarán en abril coas veladas de primavera e terán continuidade en agosto cunha gran romaría e un roteiro teatralizado. Concluirán en outubro cunha exposición de vestiario e a gran estrea, os días 22 e 23, de As vellas non deben namorarse’.