RIBEIRA> O voceiro do PBBI comparecía esta mañá para desmentir as acusacións de coaccións a ningún dos seus concelleiros. Pola contra, Vicente Mariño suxire que as presións poden vir do propio BNG posto que o alcalde mantén no goberno a unha edil que asinou unha moción de censura na súa contra.
Vicente Mariño acusa ademais ó alcalde de revanchismo, actuando de xeito infantil e ditatorial. Neste sentido, denuncia que nin el nin a súa compañeira Herminia Pouso puideron sacar as súas pertenzas do concello posto que cando o intentaban foron desaloxados pola Policía Local.
A esa mesma actitude ditatorial atribúe o cambio do corazón que formaba parte da imaxe corporativa de Ribeira. Esta mañá os operarios municipais traballaban no cambio deste símbolo por unha B, recuperando o topónimo oficial que establece a normativa.











