Vilanova presenta o deseño do seu proxecto de renovación da praza de abastos

VILANOVA> Vilanova presenta o deseño do proxecto de reforma da praza de abastos. Nas imaxes, o goberno local mostra un edificio máis moderno e aberto ao exterior con terrazas e cristaleiras. Na planta de arriba, actualmente baleira, crearanse 8 postos de comida, unha zona para nenos e outra para mozos.

Este será o aspecto que poida ter a praza de abastos de Vilanova co novo proxecto de renovación que presentou o goberno local. Aínda que pareza unha praza nova, a actuación levarase a cabo no exterior das instalacións e na primeira planta, sen afectar ao normal funcionamento do mercado.

A clave do proxecto, a pesar do seu impresionante deseño, reside na primeira planta, onde o concello creará 8 postos de comida para dinamizar a instalación.

Ademais, o espazo gastronómico completarase con dúas zonas de lecer para nenos e mozos.

Dende Vilanova agardan que a nova praza teña unha gran acollida, especialmente tendo en conta a situación laboral actual.

Na presentación estivo presente o director xeral de comercio e consumo. Dende a xunta valoraron de forma moi positiva o proxecto vilanovés.

Tras deixar libre a primeira planta da praza e presentar o deseño, o goberno local continua agora cos trámites oportunos para optar ás axudas europeas e da xunta e converter o novo espazo gastronómico nunha realidade.