BOIRO> O executivo de Boiro levará ó pleno deste xoves a súa proposta de orzamentos que ascende máis de 15 millóns e medio de euros. Someterá tamén a aprobación o expediente de pago das facturas pendentes de 2022 con cargo ó remanente de tesourería.
Realizada a liquidación do exercicio de 2022, o concello de Boiro someterá a aprobación a proposta orzamentaria para o presente ano. Ascende a 15.661.000 euros, o que supón un incremento de máis do 7 por cento con respecto ó pasado exercicio. Un dos apartados que máis sobe é o do gasto corrente, co obxectivo de adaptar ós orzamentos ás realidade económica para facer fronte ó incremento dos custos da enerxía eléctrica e o combustible así como á suba salarial.
Figuran neste orzamento investimentos destacados como o proxecto de urbanización na contorna do lavadoiro de Comoxo así como as diferentes subvencións nominativas entre as que destaca unha especial para o acondicionamento das instalacións do club náutico de Barraña.
Ademais dos orzamentos, o executivo proporá tamén a aprobación dunha partida de algo máis de dous millóns de euros para o pago de facturas pendentes con cargo ó remanente de tesourería.
De saír adiante a proposta, o goberno boirense chegaría ó final da presente lexislatura coas contas ó día e cunha importante redución de débeda que pasou dos 5,5 ós 4 millóns de euros.