O BNG volverá demandar á Xunta medidas para recuperar a produtividade das rías

BARBANZA> O BNG volverá levar ó Parlamento a principios da próxima semana a perda de produtividade das rías galegas. Esixen á Xunta un estudo e diagnose para determinar a orixe da mortaldade do marisco que permita adoptar as medidas correctas para a rexeneración dos bancos.

Tralas xuntanzas mantidas esta semana por responsables da Consellería do Mar tanto con mariscadores de Noia como de Arousa, o BNG critica que o único que pode ofrecerlles a Xunta é un paro biolóxico. Se ben a necesidade de cobrar para compensar as perdas polas paradas forzosas da actividade constitúe un dereito dos mariscadores, os nacionalistas van máis aló esixindo á Xunta que estude as causas da perda de produtividade para poder actuar en consecuencia.

Dende o BNG advirten ademais de que as axudas non chegarán a tódolos traballadores posto que  dependen do Fondo Europeo Marítimo de Pesca que é quen establece os criterios.

Así as cousas, o BNG volverá rexistrar no Parlamento varias iniciativas para instar á Xunta a tomar medidas serias e efectivas para recuperar a produtividade das rías.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí