RIBEIRA> O goberno ribeirense non conseguiu sacar adiante a súa proposta para emprazar o futuro centro de saúde nunha parcela situada en Cubeliños. A corporación aprobou unha emenda presentada polo BNG para buscar unha localización máis céntrica e accesible.
A compra desta parcela, emprazada ó carón da escola infantil de Cubeliños, para executar o futuro centro de saúde foi un dos puntos máis polémicos do pleno celebrado onte pola corporación ribeirense. O grupo de goberno propoñía a adquisición dos terreos, propiedade da Sareb, por algo máis de 800 mil euros.
Non saíu adiante posto que os grupos da oposición reclaman consenso na busca dun emprazamento. Si apoiaron, todos agás o PP, a emenda de substitución do BNG que propón unha localización máis accesible e dotada da espazo para estacionamento.
A busca dun espazo alternativo deberá ser consensuada na Mesa de Mobilidade, conformada polos grupos da corporación, policía local e entidades sociais como AMBAR ou Amicos.