A área sanitaria, AFAPO e UVigo poñen o foco en coidar os coidadores de persoas con demencia

PONTEVEDRA> A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés presenta un programa integral para coidadores informais de persoas con demencia. Desenvolvido en colaboración con AFAPO e a Universidade de Vigo, son 24 sesións presenciais cun enfoque integral e multidisciplinar. O obxectivo: dotar a estas persoas coidadoras de coñecementos e habilidades necesarias para afrontar a atención destes doentes dun xeito eficaz, humanizado e sostible no tempo.

Un programa integral que pon o foco sobre as persoas coidadoras de pacientes con demencia. É a proposta que impulsa a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Hoxe foi presentado no Hospital Provincial. Para desenvolvelo, a área sanitaria conta coa colaboración de AFAPO e a Universidade de Vigo, apostando por un enfoque integral e multidisciplinar que atende tanto ás necesidades asistenciais como psicosociais destas coidadoras.

O programa conta con 24 sesións presenciais en formato grupal. As doce primeiras desenvolveranse nos Hospital Provincial. Estarán dirixidas por profesionais de Enfermaría e contarán co apoio das áreas de Neuroloxías e Educación Física. Traballaranse competencias relacionadas co coidado das persoas con Alzheimer, con formación práctica, exercicio físico ou técnicas de respiración.

As doce restantes serán nas instalacións de AFAPO. Centraranse nos aspectos psicolóxicos, relacionais e sociais do coidado. Participarán unha psicóloga da entidade e unha traballadora social da área sanitaria.

A posta en marcha deste programa pretende contribuír á mellora do benestar das persoas coidadoras, á redución da súa carga emocional e ao incremento da calidade dos coidados. Ademais, reforza a humanización da atención sanitaria e social no ámbito da demencia .