O apoio de Costas a ‘Pontevedra Flúe’ tensiona o goberno bipartito BNG-PSOE

PONTEVEDRA> A carta que o concello de Pontevedra remitiu o 30 de marzo ao Secretario de Estado de Medio Ambiente xa ten resposta. Hugo Morán enviou unha misiva ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na que respalda as actuacións da Estratexia Pontevedra Flúe. Como xa adiantara o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, o Ministerio para a Transición Ecolóxica ve con bos ollos as propostas que se recollen neste documento.

Na carta, Morán asegura que a estratexia propón varias actuacións que a Dirección Xeral de Costas valora positivamente, cun investimento superior aos 24 millóns de euros. Serían a renaturalización do treito máis urbano do río Lérez, a rexeneración da Xunqueira de Alba, a recuperación dos terreos ocupados ata o de agora pola Deputación de Pontevedra na Marisma da Gándara ou a recuperación dos terreos do antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio.

Pola contra, cuestiona o proxecto do concello de Pontevedra para construír un novo vial en Mollabao. Consideran que non está xustificado que só poida realizarse en terreos de dominio público marítimo terrestre e recordan que é o mesmo criterio que o concello defendeu contra a continuidade de ENCE en Lourizán.

Esta resposta do Secretario de Estado chegou aos medios de comunicación antes que ao concello de Pontevedra. Algo que non sentou ben ao alcalde capitalino. Miguel Anxo Fernández Lores cualificou o contido da carta e o seu apoio á estratexia Pontevedra Flúe como promesas electorais. E recordou aos seus socios de goberno, o Partido Socialista, que a negociación con outras administracións é competencia da alcaldía.

A resposta do Secretario de Estado de Medio Ambiente xerou tensión no seo do goberno bipartito BNG-PSOE. A misiva chegou antes aos medios de comunicación que ao concello de Pontevedra.

Para Fernández Lores, o contido da misiva e o seu apoio á estratexia Pontevedra Flúe, impulsada dende a concellería de Desenvolvemento Sostible do socialista Iván Puentes, con investimentos por valor de 24 millóns de euros son promesas electorais.

Sobre o proxecto de construción do novo vial en Mollavao, que segundo explica Morán na carta non conta co apoio de Costas, o alcalde recordou que si ten os votos favorables de todo o goberno. E sinalou outras cuestións que Costas ten pendentes en Pontevedra, como rematar o paseo a Marín.

Fernández Lores tamén se referiu ás xestións dos seus socios de goberno. Recordou aos socialistas que a negociación con outras administracións é competencia da alcaldía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí