NOIA> A Audiencia Provincial estimou o recurso de apelación presentado pola confraría de Noia contra o arquivo das dilixencias nas que estaban investigados varios altos cargos e funcionarios da Xunta en relación da Mina de San Finx. Reábrese así a causa penal contra o ex director xeral de Enerxía e Minas e outros responsables do departamento.
Satisfacción no seo da confraría noiesa despois de que a Audiencia Provincial decretase a reapertura da causa penal contra o ex director xeral de Minas e outros funcionario por varios delitos de falsidade documental en relación coa explotacion da mina de San Finx.
O tribunal estima así o recurso presentado polo pósito contra o arquivo das dilixencias decretado no seu día por un xulgado de Santiago na que se investigaba a varios responsables da Xunta por mentir sobre a natureza e antecedentes das presas de residuos procedentes da mina de San Finx chegando a afirmar que procedían dunha central hidroeléctrica inexistente.
Os investigados tamén emitiron informes negando a necesidade de someter a explotación mineira a unha avaliación de impacto ambiental. O propio departamento de Augas de Galicia alertou que o colapso da maior das presas provocaría un grande impacto ambiental poñendo en risco, tal e como alertaba a confraría, a integridade dos bancos marisqueiros da ría.