Convocada unha nova mobilización contra a autorización de vertidos de San Finx

NOIA> A Plataforma de Afectados pola Mina de San Finx convoca unha nova mobilización para este sábado. Piden á Xunta a revogación da autorización de vertidos despois de 4 meses nos que a empresa non executou a planta de tratamento de augas, condicionante para poder realizar a actividade.

A autorización de vertidos á empresa Pivotal Metals para a mina de San Finx estaba condicionada á instalación dunha planta de tratamento de augas residuais. Transcorridos os catro meses e prazo para a súa execución, a empresa non realizou a obra nin conta con financiamento polo que a plataforma de afectados pide á Xunta a revogación da autorización.

Para facerse oír, convocaron unha mobilización para este sábado día 8 na propia mina de San Finx ás 11 da mañá. sairán autobuses dende Noia a partir das dez e media. Ademais da protesta realizarase un enterro de produtos da ría polo que piden ós asistentes que acudan vestidos de loito ou con roupa de augas. Tras este acto simbólico a cargo d emenros do grupo de teatro Os quinquilláns haberá un concerto e unha degustación gastronómica para darlle un toque lúdico a esta xornada reivindicativa que concluirá cunha marcha ata as presas de residuos mineiros abandonadas.

As confrarías de Noia e Portosín promoven tamén esta convocatoria, en paralelo ós procesos xudiciais abertos que teñen por obxectivo impedir a reapertura da mina que poría en risco os principais bancos marisqueiros da ría.