PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra fará oficial a cesión á Xunta de Galicia da parcela do polígono do Campiño que se usa como heliporto. A día de hoxe funciona así grazas a un acordo verbal entre ambas administración, operativo dende o ano 1998. Para o goberno local este paso pode supoñer que a consellería do Medio Rural abandone as dúas parcelas que ten na Xunqueira de Alba co traslado das instalacións.
A liberación dunha das parcelas que a Consellería do Medio Rural ocupa na Xunqueira de Alba podería estar próxima. Unha posibilidade que o concello ve aberta ao iniciar os trámites para facer oficial a cesión da parcela do polígono industrial do Campiño que a Xunta utiliza como heliporto.
A parcela emprégase como heliporto en base a un acordo verbal acadado no 1998 entre concello e Xunta. A intención da Xuna é convertela nunha base loxística do servizo de extinción de incendios forestais para toda a provincia. Pero a súa clasificación urbanística é de zona verde, polo que a Dirección Xeral de Defensa do Monte solicitou que se inicien os trámites para reguralizala como dotación e equipamento social.
Deste xeito, Medio Rural desaloxaría unha das parcelas que ten na Xunqueira. Sería, en concreto, a de 8.700 metros cadrados que acolle unha nave de taller e almacén central de vehículos da consellería e outra construción como base de bombeiros forestais. Estas instalacións trasladaríanse ao polígono de Botos, en Lalín, e ao Campiño, en Pontevedra.
Para mudar a clasificación urbanística da parcela do heliporto é preciso facer unha modificación parcial do polígono do Campiño, que terá que ser aprobada polo pleno. A proposta xa ten todos os informes sectoriais necesarios e votarase en pleno o vindeiro 2 de maio.










