O BNG critica a escasa presenza de investimentos para o Barbanza nos orzamentos autonómicos

BOIRO> Os nacionalistas consideran que a comarca volve saír moi mal parada nas contas autonómicas con partidas que, en total, apenas roldan os 12 millóns de euros.

O BNG do Barbanza critica que os orzamentos da Xunta non contemplen partidas para a creación de chan industrial e para o sector do mar, dous dos piares fundamentais para a creación de emprego e riqueza no Barbanza.

En materia de infraestruturas botan tamén en falla investimentos para mellorar a arteria principal que vertebra a comarca como é a AC-305 especialmente ó seu paso polos cascos urbanos ou en zonas de especial intereses como a travesía de Escarabote ou de Taragoña.

Cualifican ademais de irrisorias as escasas partidas en materia portuaria que non inclúen contemplan melloras no porto comercial da Pobra, vixilancia en Ribeira ou creación de amarres en Rianxo.

O panorama tampouco pinta mellor en materia social e sanitaria. Figura unha partida de 300 mil euros para a ampliación do hospital do Barbanza que, temen os nacionalistas, quedará sen executar. O mesmo acontece cos dous millóns e medio presupostados para unha residencia na provincia da Coruña, presumiblemente a de Ribeira.

A intención do BNG é presentar emendas ós orzamentos incluíndo as principais necesidades que presentan os 70 mil habitantes do Barbanza e que, din, non aparecen reflexadas nestas contas.

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí