Medio milleiro de maiores participaron no encontro anual do concello de Valga

VALGA> Éxito de convocatoria da nova edición do Encontro cos Nosos Maiores organizado polo concello de Valga. Ao redor de 450 veciños participaron nesta festa, sen dúbida unha das máis agardadas no calendario de moitos deles. Na cita non faltou detalle: houbo un concerto da banda, o xantar de confraternidade, sorteo de agasallos e incluso baile.

Os maiores de Valga volveron ser os protagonistas onte no concello. O pavillón municipal de Cordeiro acolleu unha das citas máis agardadas: o Encontro cos Nosos Maiores que cada ano organiza o goberno local.

Para moitos, esta é unha cita que está marcada con vermello no seu calendario. Ao redor de 450 veciños participaron no xantar no que non faltou detalle: houbo concerto da banda, xantar de confraternidade, sorteo de gasallos e incluso baile.

Dende o concello destacaron a popularidade deste emotivo evento. Non só como xantar, senon tamén como actividade que promove o envellecemento activo e fomenta as relacións sociais.

No marco da festa tamén foron homenaxeados os veciños de máis idade que asistiron. Foron Ramón Magariños, da parroquia de Setecoros, de 94 anos, e Celia Bermúdez, de 93 anos e de Cordeiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí