A POBRA> A escritora María Canosa recibiu o premio de literatura Carlos Mosteiro que convocan o concello da Pobra e a asociación Barbantia. A novela ‘Teño un volcán dentro’ fíxoa merecedora deste galardón que, ademais da dotación económica, supuxo a publicación da obra pola editorial Galaxia.
Nun concorrido acto, cos escolares do Salustiano Rey Eiras como público de excepción, a escritora María Canosa recibiu o premio Carlos Mosteiro de mans da concelleira de Cultura da Pobra.
O xurado decidiu premiar esta obra que conta a historia de Miguel, un rapaz distinto, narrada pola súa irmá Lucía.
O premio, que acada xa a súa quinta edición, está dotado con tres mil euros e a publicación da obra. Ó remate do acto, os asistentes recibiron un exemplar desta conmovedora novela que constitúe un canto á diversidade e ó respecto.