A rehabilitación do Pazo do Martelo máis preto

RIANXO> Vía libre para levar a cabo a rehabilitación do Pazo do Martelo. A corporación municipal aprobaba onte pola noite nun pleno con carácter extraordinario a operación  de creto que permitirá ó Concello poñer a parte que lle corresponde para poder acometer esta actuación, cun orzamento que se achega a preto dos dous millóns de euros.

Dese total máis de un serán financiados con cargo Plan de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

O punto saíu adiante cos votos a favor do equipo de goberno, BNG e Partido Socialista, e tamén de Ciudadanos. O PP e Rianxo en Común votaron en contra.

Tódolos grupos destacaron a urxencia da actuación, pero dende a oposición coincidiron ó sinalar que non se fixera antes, afeando o feito de traelo a dous días dunhas eleccións municipais da que sairá unha nova corporación.

Dende o goberno municipal insistiron en que o fixeron coa finalidade de apremiar a tramitación, xa que as obras deberán estar rematadas antes do remate de 2024.

O inmoble, declarado BIC, Ben de Interese Cultural, alberga na actualidade a biblioteca municipal.

O edificio presenta importantes deficiencias relativas principalmente ás filtracións e humidades, así como tamén problemas de accesibilidade, que coa actuación serán subsanadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí