RIBEIRA> A pesar da suba do PP en Ribeira, onde acadou o apoio de 5.170 votantes, Manuel Ruíz quedou a un concelleiro da maioría absoluta. Estes resultados obrigaranlle a explorar posibles apoios para manterse na alcaldía.
Os populares entenden que o sentir ideolóxico en Ribeira é predominantemente de centro dereita, representados nos concelleiros do PP e do PBBI, polo que anima por respectar a vontade cidadá rexeitando pactos que cualifica de anti-natura como podería ser unha coalición entre as tres forzas representadas: BNG, PBBI e PSOE.
Ruíz considera prioritaria a estabilidade no goberno de cara ós próximos catro anos polo que os populares están abertos ó diálogo con tódolos grupos.
Á espera de ver como avanzan as conversas nada está decidido sobre a futura gobernabilidade dun dos concellos con máis peso en toda Galicia.