Trinta e sete bandas pasarán pola Illa das Esculturas na décimo primeira edición do Surfing the Lérez

PONTEVEDRA> A romaría urbana de Pontevedra cumpre a súa décimo primeira edición. Os días 22, 23 e 24 de xuño o Surfing the Lérez volve á Illa das Esculturas cunha programación para toda a familia e que repite a súa aposta polos grupos galegos. A programación inclúe trinta e sete concertos ao aire libre que serán totalmente gratuítos.

O Surfing the Lérez volve encargarse de dar a benvida ao verán en Pontevedra. Os días 22, 23 e 24 de xuño esta romaría urbana volverá tomar a Illa das Esculturas.

Trinta e sete bandas subiranse aos escenarios deste festival, reforzando a aposta dos organizadores polas bandas galegas. Pasarán por Pontevedra grupos como Shego, The Rapants, Boyanka Kostoma, Visi, Dakidarría, Malandrómena, Escuchando Elefantes ou os australianos Eggy.

Haberá tamén actuacións e actividades para os máis cativos, así como o tradicional mercadiño e unha zona gastronómica con diferentes foodtrucks.

Este ano usuarios da Asociación Xoán XXIII colaborarán nas tarefas de produción. Como sempre, a entrada ao Surfing the Lérez é gratuíta, aínda que os organizadores piden aos que asistan que entreguen alimentos non perecedoiros que despois se doarán a entidades sociais pontevedresas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí