Tradición, música e gastronomía daranse cita a vindeira fin de semana en Baión

VILANOVA> Tradicións, música e gastronomía danse cita de novo en Vilanova na sexta mostra de oficios tradicionais e xogos populares. O vindeiro sábado 10 poderase gozar en Baión de traballos históricos como os zoqueiros e os telleiros e de xogos como a chave e os aros.  Na festa non faltarán exposición, obradoiros e actividades para os máis pequenos.  A xornada do domingo estará dedicada para os socios maiores que forman parte da Asociación o Castro.

Son moitas as actividades polas que destaca a Asociación o Castro de Baión. Dentro das súas tarefas sociais, a agrupación xa recibiu o premio á mellor asociación de voluntariado de Galicia do ano 2022, pero o Castro tamén destaca polas súas actividades culturais. Dentro de este campo, a súa aposta principal é por poñer en valor os oficios e as tradicións. Con este obxecto a asociación organiza por sexto ano a mostra de traballos, tradicións e xogos tradicionais.

A mostra celebrarase o vindeiro 10 de xuño. A súa oferta divídese entre oficios tradicionais, tradicións, obradoiros, exposicións e xogos populares. Todo acompañado con música e con gastronomía, xa que o festexo contará cunha polbeira.

O sábado tamén haberá actividades para os máis pequenos. O domingo o protagonismo será para os socios máis maiores da asociación.

Á mostra asistirán asociacións doutros concellos de toda Galicia así como representantes políticos de diferentes administracións. Dende o Castro buscan facer tamén unha xuntanza de asociacións nas que todas compartan e expoñan os seus traballos e tradicións.