A Xunta constata avances na consolidación do sapoconcho europeo no Parque Natural de Corrubedo

RIBEIRA> Un proxecto impulsado pola Xunta para o seguimento do sapoconcho europeo no complexo dunar de Corrubedo e nas lagoas de Carregal e Vixán permitiu constatar avances na consolidación e crecemento das poboacións desta especie nas dúas charcas nas que está presente.

Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou a este espazo natural os datos confirman que a poboación de sapoconchos mostran síntomas de crecemento.

Así, segundo ela, detectáronse 16 exemplares novos en 2022 e outros 6 máis nas mostras realizadas dende abril deste ano.

Ademais, a taxa de supervivencia estimada é dun 90% anual, valor que se considera elevado para esta especie que se atopaba en perigo de extinción.

O sapoconcho europeo foi reintroducido no ano 2004 na charca de Olveira por un grupo de investigadores da Universidade de Vigo, o mesmo equipo que agora se encarga de analizar a taxa de supervivencia dos exemplares presentes nesta zona así como a súa estrutura xenética.

Nos últimos 20 anos a poboación foi medrando, tal e como permitiron constatar os seguimentos periódicos realizados desde 2010 e que mostran unha media anual de individuos recapturados de entre 5 e 14.