Estancadas as negociacións para conformar goberno na Pobra

A POBRA> As negociacións para formar goberno na Pobra están en punto morto. Malia que Nós Pobra ofreceu a VIP a posibilidade de integrarse nun cuadripartito, ostentando a tenencia de alcaldía, os independentes rexeitaron a proposta.

O alcalde en funcións e candidato de Nós Pobra, Xosé Lois Piñeiro, comparecía esta mañá para dar conta do estado das negociacións para formar goberno. A día de hoxe están estancadas e a posibilidade de conformar un cuadripartito co BNG, PSOE e VIP semella cada vez máis distante.

A formación encabezada por Eloy Sobrido impuxo como condición que Nós Pobra non ostentase a alcaldía, algo que comparte tamén o BNG por considerar que os votos da cidadanía se traducen nunha vontade de cambio.

Como último intento para desbloquear as conversas, Nós Pobra remitiu hoxe mesmo un escrito ós independentes apelando á necesidade de artellar un goberno progresista aínda que non son demasiado optimistas.

De non haber avance nas negociacións antes do pleno deste sábado, antóllase como opción máis probable un goberno do PP en minoría, xa que foi a forza máis votada.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí