Os Elfos Máxicos de Poio levarán un Nadal para ‘sorprender, emocionar e encher de vida’ todo o concello

POIO> Poio xa ten preparada a programación para as festas do Nadal. Unha época na que o municipio terá uns visitantes moi especiais: os Elfos Máxicos percorrerán as distintas parroquias para sorprender á veciñanza e levar o espírito festivo a todos os recunchos. Repiten tamén as Aldeas de Nadal e a carpa de Poio Máxico, que completan unha ampla proposta para todos os públicos.

Sorprender, emocionar e encher de vida todas as parroquias do municipio. É o obxectivo que pretende acadar o concello de Poio coa programación de Nadal que ten preparada para este ano.

A programación arranca este sábado 29 de novembro coa festa de inauguración na Praza do Mosteiro. Ademais do prendido das luces, haberá música e animación. Este ano correrá a cargo de usuarios da asociación Down Pontevedra-Xuntos.

Este ano volverán as Aldeas de Nadal. Serán sete, unha en cada parroquia. Como novidade, será a primeira vez que uns Elfos Máxicos visiten Poio. Eles serán o fío condutor para que cada Aldea sexa un lugar máxico con animación, música e bailes.

Tamén repite a aposta do concello pola carpa de Poio Máxico. Instalarase na Seca, converténdose no escenario de obradoiros, zona de xogos e actuacións. Pasarán pola carpe os espectáculos Os Tres Porquiños, Pica Pica, Gramola Gominola ou varias sesións de maxia.

A programación inclúe tamén a tradicional papanoelada moteira o 21 de decembro, a carreira de San Silvestre o 31 ou a visita de Papá Noel ás parroquias. En canto aos Reis Magos, farán parada dobre no concello: o día 5 visitarán as parroquias e os 6 estarán na gran cabalgata, con festa final na carpa de Poio Máxico.