O Trail de Lousame reunirá a 500 corredores o vindeiro 31 de decembro

LOUSAME> Este luns abríanse as inscricións para unha nova edición do Trail de Lousame. A proba será o domingo 31 de decembro e nela agárdase unha participación próxima as 500 persoas.

Trátase dunha das citas deportivas máis importantes das que se celebran no Concello, e das que tamén se senten máis orgullosos. A proba terá lugar o domingo 31 de decembro. Como en anos anteriores o Trail dividirase en dúas modalidades, un trail longo de 25 quilómetros, máis esixente, e un trail curto, cunha distancia de 16. Os dous terán coma punto de saída e chegada o pavillón municipal Pilar Barreiro Senra. A principal novidade deste ano será o cambio de percorrdio.

Unha semana antes, o sábado 23 de decembro desenvolverase tamén o Pequetrail, dirixido a nenos con idades comprendidas entre os cinco e os 16 anos, cun percorrido adaptado a eles.

Tamén se aproveitou o acto para presentar unha nova edición da Andaina Solidaria e Belén de Cumes que terá lugar o sábado 13 de xaneiro, con saída ás dez da mañá dende a praza do Concello. Todo o que se recade na proba irá a beneficio da Obra Social de Pediatría do CHUS.

Dende a organización quixeron agradecer tamén a colaboración do equipo de voluntarios que sempre axuda coa proba, así como tamén ás distintas empresas colaboradoras, xa que sen a súa axuda sería imposible poder celebrar ningún destes tres eventos.

As inscricións nas tres probas xa están abertas podéndose realizas a través da web de emesports.